2 feb 2024

Antonio Noriega Varela: "Das floriñas dos toxos"

 

Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!

Eu venero as floriñas dos toxos.


Dos toxales as tenues floriñas,

que sorrín, a medo, entre espiñas.


Entre espiñas que o ceo agasalla

con diamantes as noites que orballa.


Oh, do ermo prezado tesouro:

as floriñas dos toxos son d’ouro!


De ouro vello son, mai, as floriñas

dos bravos toxales, das devocións miñas!


(en Do ermo)

28 nov 2023

MANUEL MARÍA: "Contentámonos con nada"

 Contentámonos con nada. 
Falamos en voz baixa
porque non somos quen
de erguer a nosa voz
unha vez soia.
Non somos quen para darlle
forza de trono á nosa voz
e disparala o mesmo 
que unha bala.
Somos un pobo lírico
e saudoso, según din
autores sabidos e eminentes.
E debe de ser certo:
os poetas cursis e inocuos
son -somos- premiados
nos xogos florais; son
aplaudidos e reciben
con fondísimo agradecemento,
as migallas, as cativas
migallas que lles tiran,
que lles cospen á face.
Pero aqueles que erguen
valentemente a voz
cantando a verdade núa
-Manuel Curros Enríquez,
Celso Emilio Ferreiro-;
tiveron que coller
e que acollerse
aos arrepiantes
camiños do desterro.

    Manuel María: Versos pra un país de minifundios (1969)

MÉNDEZ FERRÍN: "Pra Alexandre Bóveda, asasinado"

 "Pra Alexandre Bóveda, asasinado"

Cando a pupila, derradeira imaxe,
refrexou, xa sen lume, aquil piñeiro
e ti ficaches, Bóveda, senlleiro
testemuña pra sempre diste aldraxe.
 
Cando che percutiu no peito a torta
ira descarregada por Hespaña,
coidaron os verdugos que fazaña
era deixar en ti a Galicia morta.
 
Pro esquenceron teu sangue sobre a terra,
ista esperanza que en nosoutros corre,
e non tolleron a verdá que berra.
 
Baixo a lívida luz que nos aterra,
sobre ista teima que xa nunca more
Galicia hase de erguer en pé de guerra.

 Méndez Ferrín: Poesía enteira de Heriberto Bens (1980)

 

MÉNDEZ FERRÍN: "Posturas pra copular en homenaxe"

 "Posturas pra copular en homenaxe"

Ponte de luz, carbón, pólvora e ollos
negros de nenos mortos cravados nas salas do pazo.
Ponte de corazón, ladrillo, fósforo
con cincocentas espirais pra lle chegar ao verde cume e escusadas sedas.
Ponte de mar, estrondo, primavera,
e mans estremecendo o vaso, amante, no que cantan as sedes doutro tempo.
Ponte de contemplar, amor, antigamente
e docísimamente e perder coma vidas vellas e tirar coa chaqueta cada día.
Ponte de ponte; ponte, amiga, en ponte
estrangulando o río no que muxo e urro con carballos, follas.
Ponte para saír a saia nova
e, tan cursi polo xardín, naceranche nos ollos lúas, vésporas e un xerriño de mel.
Ponte de costas, natural e lume
negro polo baixío conmoverache os dentros con arruallo vivo sen vivir en min.
Ponte de pel de añuca, de croíño, de hombreiro,
penedo do crepúsculo, atal coma unha caixa de música ou cerdeiras.
Ponte de frío, ponte estatuaria
e cada embate será líquido inmóbil, abril de xade, nódoa de alabastro.
Ponte de recurrir, ponte de língoa
e unión, trebón, carne polo discurso, verbas como panascos orballados.
Ponte de viño, en fin, e de cabazo
e teñamos, amor, amor, unha fogaza candeal e ollos pra fitar o lume bo e a morte.

    Méndez Ferrín: Con pólvora e magnolias (1976)

MÉNDEZ FERRÍN: "Galicia"

 "Galicia"

Galicia, longa praia, estesa e negra,
soia e esquiva, con pesados corvos,
senlleiras píllaras, vento coriscante
e a morte e o baleiro en todo o longo

    Méndez Ferrín: Voce na néboa (1957)

CELSO EMILIO FERREIRO: "Deitado frente ao mar..."

 "Deitado frente ao mar..."
Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

    Longa noite de pedra (1962)

CELSO EMILIO FERREIRO: "O neutro"

 "O neutro"

Diante das aldraxes
e as inxustizas,
lavou as mans.
Era un porcallento moral.
     
    Cemiterio privado (1973)